Tres anos e dous días despois, a sala Run Rum pecha as súas portas. Neste tempo converteuse nunha referencia para a música en vivo na cidade e no resto de Galicia. Programou máis de 280 concertos de artistas locais, nacionais e internacionais; colaborou con outras salas de Galicia para establecer unha estrutura que dese estabilidade á oferta en vivo; formou parte das redes de programación autonómica; e, sobre todo, contribuíu a que en Ferrol se escoitase boa música en directo, de tódolos estilos musicais.

"Cremos que chegou o momento dun merecido descanso", di Maximino López, de Run Rum Axencia, no comunicado de despedida. "Pensamos que pechamos un ciclo máis na nosa andaina e que chegou o momento de dedicarlle máis tempo a outras facetas da produtora que non tiñamos ben atendidas", engade.

A mítica banda The Rubinoos tocou na sala Run Rum o 18 de maio l.p.

O selo Run Rum existía tempo antes da sala, principalmente como empresa promotora de espectáculos, algúns dos cales xa se levaban a cabo en Ferrol (como o festival A Todo Filispim) ou parte da programación do último Xacobeo, o de 2004. Coa chegada da sala, Ferrol converteuse aínda máis nun eixe principal das súas actividades. Na actualidade, rexen ademais o café-pub Maltés, na rúa María, que seguirá aberto.

A sala Run Rum morre para renacer como Super 8. Cambia de mans -un dos seus xestores será o cineasta Rubén Coca- para seguir ofrecendo unha programación de música en vivo de calidade. Polo de agora está confirmado o concerto da banda Los Straitjackets, o xoves 8 de xullo. A banda mericana chega a Ferrol dentro da súa xira por España.

"A sala pasámoslla a unha xente nova de Ferrolterra que pensamos que saberá recoller o bo que puidéramos ter feito e melloralo co seu traballo", di López. No cerne dos dous proxectos hai unha mesma mensaxe: "Hai vida na cidade aínda que moitos non fagan máis que tentar matala".

Link: www.diariodeferrol.com